A MUIÑEIRA (II). Definición e descrición.
A XEITO DE PEQUENA INTRODUCIÓN
Nun comezo, os homes e as
mulleres bailaron en solitario sen ter en conta ao resto do grupo, logo virían
as danzas rituais, participando varios individuos formando un corro e bailando
libremente, e máis tarde chegarían a igualar movementos sinxelos dentro do
mesmo círculo marcados por un guía ou xefe. E así debeu ser durante moitos
séculos, ata que a perfección dos pasos e as músicas deron paso a dúas formas
novas de bailar: O baile ritual, as chamadas “danzas gremiais ou relixiosas”,
que corresponden a unha expresión colectiva feita coma ofrenda aos deuses ou
para reforzar a pertenza a un determinado grupo ou tribo, e o baile social, que
só pretende a diversión e a expresión de emocións ou sentimentos.
Moito máis tarde, aproximadamente
no século XVI, chegaron os bailes en parella, que podemos divilos en bailes de
parella solta e danzas de parella agarrada. Entre os bailes de parella solta,
facemos diferenza se son parellas independentes, ou relacionadas (formando
filas, rodas, cadeas...). A muiñeira é basicamente un baile en parella solta
independente, aínda que no transcurso da música se poden engadir máis parellas
formando un pequeno grupo, que se deixa guiar pola parella que iniciou o baile.
CÓMO SE BAILA?
A muiñeira é un baile antigo ao
“solto” que se executa en parella, onde un dos compoñentes propón os pasos e o
outro os tenta copiar ou seguir. No caso de xuntarse dúas ou máis parellas para
o baile, formando coreografías, xurde entón a figura do “guía” ou da guía, que,
polo xeral, é a primeira que sae a bailar e tamén a primeira en “sacar punto”.
Salvo contadas excepcións, coma no caso do Caurel, onde os bailadores se sitúan
formando un corro e calquera pode botar
punto, as parellas que entran no baile teñen que colocarse á esquerda da persoa
que guía o baile nese momento. En moitos lugares tomábase coma unha falla de
respecto que outra parella se situase á dereita da guía. Cando se sae a bailar,
ou ben saes a sacar puntos e bailar coa túa parella, ou ben saes a seguir os
movementos propostos polo bailador ou bailadora que iniciou o baile.
Así temos que a distribución máis
antiga para o baile era por parellas soltas e independentes unhas das outras,
facendo movementos distintos, sen ter ningunha sincronía entre elas. Incluso
temos observado o curioso exemplo de algún baile formado por varios pares
distribuídos en filas paralelas, onde todos sacan puntos diferentes, mostrando
unicamente algo de uniformidade no cambio da melodía, cando teñen que facer a
“volta”, desprazándose en grupo.
Parece ser que o baile en grupos
máis ou menos numerosos é algo relativamente recente. Salvo en lugares como no
Concello de Avión, onde as informantes nos falan de grandes rodas formadas por
moitos participantes, o máis habitual é que foran grupos reducidos, de dúas,
tres ou catro parellas máximo, sempre compartindo baile con as típicas parellas
soltas.
Estrutura do baile: Punto, volta
(ou picado) e paseo (aínda que as veces
non é preciso e se salta esta parte), case sempre nesta orde.
Existe certo paralelismo entre o
baile e a música, agardando os bailadores a música correcta para efectuar un
movemento ou outro. Por exemplo, se a peza é cantada, só se poderá botar punto
cando se comece a cantar unha copla ou, no caso de ser unha música tocada con
gaita, agardarían pola parte do punto, que soe ter as notas máis espraiadas que
no “estribillo”.
COREOGRAFÍAS
Cando son varias parellas as que
bailan en conxunto sitúanse formando coreografías.
Baile en roda ou “corro”.
Baile en filas paralelas.
Filas paralelas e cruce.
Filas e roda.
Filas e “tablón”.
Cadrado.
Coreografías especiais:
Un home e dúas mulleres.
Un home e sete mulleres.
O PUNTO, chamado “mudanza” na antigüidade e tamén en outras zonas
da Península, é unha sucesión de pasos
coordinados entre sí, que conforman unha “figura” (nome que se lle da aos
puntos en Asturias), e que se repiten exactamente con ámbalas dúas pernas. O
mesmo termo “mudanza” indica un cambio de paso, da monotonía do valseado ou
picado, engadindo un recurso un pouco máis vistoso. Os bailes soltos primitivos
(mesmo a propia muiñeira nos seus inicios), carecían de puntos complexos, tendo
moitas veces un picado, desprazado ou
non, e un paseo por toda secuencia. Exemplos de bailes sen puntos ou
facendo sempre o mesmo paso témolos en Galicia en multitude de danzas gremiais,
pero, en canto saímos do noso territorio, adoitan ser moi frecuentes. Incluso
na propia muiñeira que se baila en grande parte do centro do territorio
asturiano, no Bierzo central e oriental e na comarca portuguesa de
Traz-os-Montes, carecen de figuras complexas. Atendendo a definicion de baile
de carácter social, posiblemente en estas outras zonas fronteirizas con Galicia
sexa onde se conserva o baile primixenio, xa que é lóxico pensar que nun inicio
só constara de dous movementos sinxelos e se lle foran engadindo pasos con
maior dificultade ao longo do tempo. ¿Cándo se pasa logo de facer bailes
simples a incorporar a complexidade dos puntos? Son moitos os autores que
marcan o comezo da creación de pasos complexos na muiñeira a partires do século
XVII. Só podemos especular coa data da
incorporación dos puntos creativos no noso baile, pero si podemos intuir que xa
se facían na época do renacemento barroco.
O vilancico “Os pastores
galeguiños” (Irízar, 1674) describe así o baile dos pastores galegos na época:
1.- Como alegra o soneciño / de
la frauta que tocou
por mais fetejar o neno / saen bailar
ao son.
2.- O primeiro foi Bartolo / e
así que ao neno cantou
por mais comprida mesura / de
ambos pesa finijo.
3.- A compás face as mudanzas /
mui ligeiro de talón
i con as voltas do peito / o
vento en zaga dexou.
4.- Logo se apresurou Lorente /
mancebo de muita pro
e botando a caperuza /as polainas
esguezou.
5.- Seis tangidos das folías /
çapateadas bailó
i con cada dos giradas /
tembrando a terra quedou.
6.- Salen logo catro delos / con
castañolas de box
Y a porfía os repeniques / facen
raja ca tambor.
7.- Os cruzados que por contra /
tiñan ia, facen labor,
porque os lembra o soneciño / as
mudanças de invención.
8.- Tuda a noite e baile e festa
/ tuda e dia con tal sol,
e con sua nai, que doncela, / a
ser alva madrugou.
Cando escribe “a compás face mudanzas
mui lixeiro de talón i con as voltas do peito o vento en zaga dexou”, parece
que está a falar do paso que se repite en varias danzas, entre elas a danza de
bastóns de Covas, Meaño, na que os danzantes no cambio da música pasan de facer
o picado valseado a facer o punto (mudanza) onde marcan co tacón combinando co
valseado.
A frase “as mudanças de
invención” define á perfección aos puntos, xa que moitos deles son creados ou
modificados no transcurso do baile.
Non sabemos con certeza cando se
lle comezou a chamar “puntos”, pero si podemos constatar que é unha palabra
estendida por toda a xeografía galega e aparece nas coplas de tradición oral:
Bota punto, tira punto
bailladore do torreiro,
bota punto, tira punto
mira para o compañeiro.
(Pazos de Borbén)
A gala de bo bailador ou
bailadora é non repetir un punto durante o baile, así como as pandereteiras tampouco
repiten copla. Mais se o bailador ou bailadora que guía o baile queda en branco
e repite paso, as cantadoras atentas sempre poden botar aquela copla que dí:
Garabullos, garabullos
garabullos todos xuntos
aos señores bailadores
acabáronselle os puntos.
(Pazos de Borbén)
Os puntos son, xa que logo, a
expresión máis xenuína do baile da muiñeira en Galicia e chegan a coller
caracteres particulares e identitarios con características propias en cada
comarca ou zona de baile. Esta sucesión de pasos pode acadar niveis de
complexidade moi elevados en algunhas comarcas ( Xallas, Barcala ou Santiago
entre outras) que fan necesaria certa experiencia nos bailadores e bailadoras,
mesmo virtuosismo. O porqué desta conducta de entravesar os pasos ata facelos
case imposibles de copiar por outros participantes no baile podemos supoñelo en
dous factores: o crecemento ou mellora persoal como bailadores, ou o
recoñecemento colectivo. Sobre o primeiro, dicir que é lóxico que unha persoa
que sabe combinar varios pasos para crear os máis diversos puntos remate por
retarse a si mesma con novas incorporacións de pasos ou xiros inesperados, coa
dobre finalidade de superación persoal e tamén a de facer desfrutar máis á súa
parella á hora de copiar os mesmos.
Os concursos de muiñeira tamén
foron responsables de engadir complexidade nos bailes para tentar quedar por
riba das outras parellas en nivel de dificultade. Hai que ter en conta que
temos constancia deste tipo de certames dende finais do século XIX, por poñer
un exemplo, os Xogos Florais de Tui, celebrados no ano 1891, incluían no
programa un concurso de baile da muiñeira. Resulta curioso cando menos que nos concursos
de baile coma tamén nas actuacións dos primeiros coros galegos só se tivera en
conta o baile da muiñeira en parella e non outro tipo de bailes que xa estaban
de moda, como a xota ou o fandango. Citar como anécdota a astucia do crego de
Vilamaior, no concello de Santa Comba, que para encher a misa dominical de
fregueses, organizaba un concurso de muiñeira á saída da misa e eran moitos os
participantes chegados de moitas parroquias veciñas para gañar o pequeno premio
en metálico.
A título persoal, creo que
existen uns pasos bastante sinxelos que se repiten en tódalas zonas onde se
baila a muiñeira que se poden considerar os pasos primixenios: o picado valseado, o picado cruzado por
diante, o picado cruzado por atrás, o “paseo castelán” (tres pasos cara un lado
e tres cara o outro) e un punto base consistente en recoller o pé, facer un
destaque ou patada e rematar cun 1,2,3 (valseado). A dificultade viu coa
incorporación de novos movementos como o adiante-atrás, elevando
exponencialmente o número de combinacións posibles. Canto de novo teñen estes
pasos non o podo saber, pero si é posible que xa leven máis de un par de
séculos xa que aparecen en algunhas danzas gremiais, aínda que tampouco é
posible saber a data de incorporación de estes pasos en este tipo de danzas,
que como é lóxico, tamén foron mudando ao longo dos tempos.
O bailador e
mestre de baile Xabier Iglesias Castro fai unha división bastante acertada dos
movementos cos que formar os puntos, distribuíndo os pasos en tres grupos:
1. Movementos
valseados:
-Picado valseado.
-Picado por diante.
-Picado por detrás.
-“Pasuré” (picado invertido)
2. Movementos
ao aire:
-Envolto adiante.
-Envolto ao lado.
-Envolto atrás.
-Patada (destaque ou extensión)
adiante.
-Patada (destaque ou extensión)
ao lado.
3. Movementos
de apoio:
-Adiante (de 2, 3 ou 4 apoios no
caso da muiñeira)
-Atrás (de 2, 3 ou 4 apoios).
-Ao lado.
-Corte.
-Pés xuntos.
-Pés abertos ou separados.
O polifacético Serxio Cobos,
bailador, mestre de baile, coreógrafo, escritor, debuxante... no seu método
para a escrita do baile tradicional “bailegramas” (A Central Folque, 2018) fai
128 debuxos diferentes para poder transcribir nos seus “duogramas” tódolos
pasos do noso baile. Agrupa estes movementos en seis familias:
-
Familia 1. Valseados.
-
Familia 2. Diante / Atrás.
-
Familia 3. Hops.
-
Familia 4. Cortes.
-
Familia 5. Únicos.
-
Familia 6. Símbonos adicionáis. (Non os
contabilicei como pasos, senón que son símbolos para explicar desprazamentos,
orientacións, xiros...).
Hai que ter en conta que fai un
debuxo por pé, aínda así, 64 movementos combinados, en grupos de dous ou máis,
con ou sen repeticións dan miles de combinacións posibles para crear puntos
novos.
Dependendo da dificultade que
quixeramos darlle ao punto, podemos mesturar un ou dous pasos de cada grupo de
movementos (picados, aires e apoios), incluír algunha repetición de movemento,
e así ter un abano con moitísimas
posibilidades para crear puntos, dende os máis sinxelos con só un par de pasos
(por exemplo Adiante de 3, Atrás de 3, Adiante de 3 e un picado) ata os moi
complexos (por exemplo “Corte, Envolto adiante,
Adiante de 3, Atrás de 3, Adiante de 3, picado por diante, picado por
diante, picado por detras...”).
OS VALSEADOS OU PICADOS están presentes no baile tradicional de
moitas culturas, podendo consideralo coma un paso “global”. Consisten en
realizar tres apoios alternos, marcando cos pés, no caso da muiñeira, o són das
corcheas do 6/8. Podemos realizalos no sitio ou desprazándonos en rodas ou
tablóns.
Diferenciamos catro tipos:
-Sen cruzar os pés, ou valseado.
Alternamos os tres apoios balanceando sutilmente o corpo.
-Picado por diante: no que o peso
do corpo recae no primeiro apoio, e o segundo apoio cruza o pé por diante.
-Picado por detrás: no que o peso
do corpo recae no primeiro apoio e o segundo apoio faise cruzando o pé por
detrás.
- “Pasuré”: No que o primeiro
apoio é o que cruzamos desprazando o corpo xeralmente de lado (pode ser por
diante ou por detrás).
En algunhas zonas de Galicia, como
por exemplo na comarca de Bergantiños, os picados poden combinar varios
movementos chegando a ter certa dificultade, case á par que os puntos. Nesta
comarca coruñesa, poden acompañar os movementos co bater das palmas.
PASEOS OU DESCANSOS
Adoitan facerse antes de sacar
punto, mentres non chega o cambio de música ou cando non quitan copla as
pandereteiras ou o grupo de acompañamento, fanse ou ben camiñando en roda, ou
ben diante da parella. Poden ser paseos camiñados para un lado e para outro, ou
cara adiante e cara atrás, ou mesturar movementos simples como paseos con
picados ou con voltas valseadas, pero case nunca chegan ao nivel de dificultade
dos puntos, xa que máis ben se toman coma un descanso, tanto físico coma
mental, entre a volta e o punto.
Hai lugares onde non contemplan o
descanso na estrutura da muiñeira, como por exemplo en Avión, onde alternan o
picado na roda cos puntos na copla e de cando en vez, para darse un pequeno
descanso no baile, botan no tempo da copla uns puntos de “baixa intensidade”,
practicamente sen erguer os pes do chan, o que sería considerado coma paseo en
outras zonas.
QUÉN A BAILA?
A muiñeira é bailada en parella
por “bailadores” e “bailadoras”, e poden ser parellas mixtas ou non. Se ben é
certo que coloquialmente non facemos distinción ningunha entre as palabras
“baile” e “danza”, e mesmo os dicionarios tratan estes nomes como sinónimos, en
Galiza os portadores ou informantes, a xente maior en xeral, si que fai
diferenza entre o baile, social, e a danza, ritual. Incluso podemos afirmar que
non se lle da o mesmo nome a quen executa unha danza, que ven sendo un ou unha
“danzante”, a quen bota un baile nun serán ou foliada, que se chama “bailador”
ou “bailadora” ou a quen baila nun espectáculo ou a nivel profesional,
denominados “bailarín” ou “bailarina”.
Moi interesante e moi bo traballo. Grazas, por nos agasallar coa túa sabedoría, mestre.
ResponderEliminar